A fervenza do Toxa é un salto de auga situado na parroquia de Pazos, no concello de Silleda, na provincia de Pontevedra. O río que provoca a fervenza é o río Toxa, o cal verte as súas augas por un desnivel de máis de 60 metros. A fervenza, xunto co mosteiro de Carboeiro, están situados nunha paraxe natural de gran valor paisaxístico na comarca do Deza, ligados aos cursos fluviais dos ríos Deza, Liñares, Ulla e Arnego.
O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras arquitectónicas do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. Trátase dun mosteiro beneditino fundado no século X e que viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII do que se conserva en moi bo estado a súa igrexa e algúns dos departamentos monacais, grazas aos traballos de restauración e recuperación realizados a partir da segunda metade do século XX.
Ещё видео!