Documental que lle achega ao gran público nacional e internacional as pesquisas científicas inéditas de Ruth Varela sobre o fascinante mercado da capital de Galicia, obra do arquitecto Joaquín Vaquero Palacios (1900-1998).
Pensado en clave identitaria, co obxectivo de integrar a aldea e o campo na cidade, o estilo románico co barroco e a tradición coa contemporaneidade, o Mercado de Abastos de Santiago foi un complexo arquitectónico moi celebrado desde a súa inauguración en 1943. Actualmente é un dos lugares máis visitados de Compostela e, a pesar disto, os seus valores e riqueza cultural seguen a ser descoñecidos. Por outra banda, non existía ata o de agora ningunha produción científica que abordase os detalles deste interesante exemplo de mercado, que resulta ser, na súa concepción innovadora e plasmación arquitectónica, único no mundo.
O proxecto audiovisual contou coa colaboración de investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Universidade de Santiago de Compostela, con arquitectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e con material inédito do Arquivo Joaquín Vaquero Palacios, así como coa intervención do neto do arquitecto que proxectou a obra, o tamén arquitecto Joaquín Vaquero Ibáñez.
Iniciativa realizada por Pablo Francisco Soto Goluboff ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Ещё видео!